
SEXO, XÉNERO E FEMINISMO
A idea de que xénero e sexo son dous conceptos diferentes é relativamente moderna. O termo xénero fai referencia a un conxunto de atributos (condutas, características e actitudes) que a sociedade considera masculinas ou femininas (Puleo, 2007, p.13) mentres que cando falamos de sexo estamos a falar dunha serie de características físicas e biolóxicas.
Tendo isto en conta, os estudosos de xénero divídense principalmente en dúas correntes: aquela que ten como base a crenza de que o xénero é algo aprendido e aquela que, pola contra, considera que o xénero é algo inherente ao ser humano.

A maior parte das institucións académicas ignoraron e ignoran sistematicamente o papel das mulleres ao longo da historia, prescindindo así de figuras clave. Deste xeito, téndese ademais a presentar a esas poucas que conseguen superar esta censura como meras excepcións o que fai que se pense que realmente non foron tan importantes senón unha excepción á regra que non deixou pegada. Desta maneira, o conxunto de mulleres tende a permanecer invisible e moitos dos seus descubrimentos son atribuídos a homes que os fixeron seus máis adiante. O problema xa non é que non aparezan mulleres nos libros de historia senón que ninguén nos ensinou a preguntarnos onde están (Bernárdez Rodal, 2015, p.13).
Non se pode falar do papel das mulleres na historia sen falar de feminismo. Esta liña de pensamento é unha das máis importantes do pensamento ilustrado e das que máis consecuencias tivo no plano social ao longo dos anos porén, existe unha clara tendencia a ignorala tanto no ámbito educativo como histórico-institucional.
Pódese dicir que o feminismo nace no S.XIX coa herdanza dos ideais do Século das Luces. Porén, moitas autoras falan dun feminismo xa anterior que ven presente en todas as manifestacións artísticas, literarias ou científicas realizadas por mulleres en épocas pasadas. Esta teoría parte da idea de que estas mulleres tiveron que adquirir unha conciencia crítica respecto ao lugar que debían ocupar no mundo para rebelarse contra un ambiente hostil e enfrontarse á produción intelectual (Bernárdez Rodal, 2015, p.15).
Durante a ilustración comezou a predominar a idea da igualdade das persoas ante a lei. O feminismo fixo súas as ideas ilustradas e comezou a loitar pola igualdade de xénero. Ata este momento existiran mulleres que escribiran fortes críticas por non ser consideradas ao mesmo nivel que os homes, non obstante, fora sempre unha cuestión individual, nunca se considerara como un problema común a todas as mulleres, ao igual que aínda non se falaba da reivindicación dos mesmos dereitos. É despois de que os textos ilustrados sexan lidos e comecen a ser aceptados por unha maioría social cando comeza a cuestionarse esa subordinación, esa opresión que sofre a muller. Estas ideas iranse expandindo por toda Europa de forma imparable. Será agora cando moitas as pensadoras cheguen á conclusión de que a clave para a superación da desigualdade está en proporcionar a mesma educación a homes e mulleres. Un dos grandes logros do feminismo foi conseguir o voto feminino (Nueva Zelanda, 1893). O movemento sufraxista uniu no século XIX a mulleres de opinións políticas e extraccións sociais moi diversas.
A partires dos anos 70 do século XX, xa a nivel global, comézase a falar dun segundo período ou da segunda vaga de Feminismo. Será neste momento cando a idea de feminismo en singular desapareza e comece na aparecer unha serie de “feminismos” en plural cunha variedade de intelectuais, correntes e teorías. Comeza a existir unha conciencia de que a sociedade consumista convertía e convirte en obxectos e xorde a idea de que esa nova liberdade sexual non é máis que un engano xa que o corpo feminino pasa a ser un obxecto para a consecución da liberdade masculina.
É agora, con toda esta confluencia de pensamentos e correntes feministas, cando xorde unha pregunta clave que leva dividindo o movemento durante anos: está a solución na igualdade ou na diferenciación? A exaltación da diferenza ou a superación dos xéneros, é dicir, a igualdade de sexos, é unha cuestión non está resolta aínda hoxe en día.
Non podemos falar de feminismo sen falar de Simone de Beauvoir. No seu libro Le deuxième sexe (1949) reflexiona sobre o que significou para ela ser muller. Este libro marcou un antes e un despois xa que, por un lado levou o feminismo a sectores aos que nunca antes chegara, e por outro é un magnífico exemplo de como a teoría feminista supón unha transformación irreversible na forma na que vemos a realidade.
A partir deste momento, o pensamento feminista comeza a coller forza. Se ben non todas as mulleres se consideran feministas ou se adscriben ao movemento comeza a existir unha conciencia xeral de que homes e mulleres deberían gozar dunha igualdade de dereitos. Esta mudanza, lenta pero imparable, consitúe un cambio irreversible na sociedade (Gallego Ayala, 2010, pp.1-12).
O sexo masculino, pola contra, non tivo que loitar en ningún momento para que os seus dereitos como colectivo fosen recoñecidos. Os estereotipos asociados a este xénero non mudaron especialmente ao longo dos anos, manténdose sempre un sentimento de posesión cara o xénero feminino. Esta cuestión permanece aínda vixente hoxe en día e un dos seus maiores síntomas é a violencia machista. A muller sumisa, humillada, convertida en obxecto, en propiedade do home, non se mata. Pero en canto se rebela, o home asasínaa porque considera que é a súa propiedade e senón fai o que el quere, crese no dereito de castigala (Gallego Ayala, 2010, pp.12-16).
Os reclamos feministas non son sempre recibidos do mesmo xeito pola parte masculina da sociedade e son vistos en ocasións como un “capricho”. A esixencia dunha igualde de dereitos e oportunidades real recibe en moitos casos a ollada condescendente do xénero masculino. Detrás destas actitudes o que trascende é esa idea de superioridade que levan interiorizando séculos, ese pensamento de que as mulleres chegarán ata onde eles, os homes, queiran (Gallego Ayala, 2010). Se ben a igualdade formal nos países occidentais foi xa adquirida, non se transformou co paso dos anos nunha igualdade real (Gallego Ayala, 2018)[1]. Este fenómeno afecta a todos os discursos públicos e polo tanto tamén a aos medios de comunicación nos que, segundo Juana Gallego Ayala (Gallego Ayala, 2010)[2] seguimos a ver un tratamento desigual. Na comunicación as mulleres son obxecto, complemento mentres os homes son suxeitos. Eles fan, elas padecen.