2.
Na súa entrevista co xornal Sermos Galiza di que recibiu o apoio dalgúns compañeiros e compañeiras. Porén, ninguén denunciou a situación nin a animaron a denunciar, a que cre que se debe?
Un compañeiro animoume a rexeitar o traballo e denunciar, foi o único, os demais apoiáronme moito pero en segredo, todos temos moito medo ás represalias e a precariedade da nosa profesión bloquéanos moito.

Iria Pinheiro é unha actriz galega. Entre o 10 de marzo de 2017 e comezos de xuño do mesmo ano aturou unha situación de acoso sexual no seu posto de traballo a causa do diretor da serie na que estaba a traballar para a TVG.
IRIA PINHEIRO
"Temos moito medo ás represalias"
Recentemente denunciou unha situación de acoso no seu ámbito laboral. En que momento e porque se decide a dar o paso?
Decidín dar o paso en canto rematou o meu contrato coa produtora coa que traballaba, durante o proceso tiña medo de denunciar e non sabía que posibilidades tiña para reaccionar contra aquelas circunstancias,estaba bloqueada e tratando de sobrevivir á situación sen perder o meu traballo nin a miña reputación coma profesional. Cando me ofreceron continuar na segunda tempada xa falara cunha avogada, pero desanimoume a denunciar porque eu carecía de apoios e probas e ela non o viu claro. Entón, rexeitei o traballo expoñendo os meus motivos.
1.
3.
Cando acudiu primeiro a produtora e logo á Asociación de Actores e Actrices de Galicia, agardaba outra resposta?
Nas dúas partes foron amables comigo, pero si, agardaba outras respostas. En canto á avogada esperaba que fósemos adiante con todo, pero aconselloume o contrario, estou agradecida igualmente por que supoño que tratou de protexerme, entendino así, pero algo ardía dentro de min e tiña que sacalo, aínda que significase retirarme da profesión.
A produtora xefa na miña opinión non cumpriu ben o protocolo antiacoso.
​
4.
Recibiu algún tipo de ameaza ou proposta de acordo extraxudicial por parte do director do programa?
As avogadas das outras partes din que me van a demandar polos danos e prexuízos que lle estou ocasionando ao director e á produtora.
5.
Que agarda que aconteza?
Que haxa xustiza. Que as testemuñas perdan o medo e digan o que viron, e que a produtora deixe de manipular aos traballadores e traballadoras presionándoos para asinar comunicados falsos e que paren de represaliar a quen non os asina.
6.
A súa carreira laboral viuse afectada negativamente por presentar a denuncia?
De momento continúo con normalidade, pero noto que nalgúns xornais xa non se interesan polo meu traballo se non falo do acoso...
7.
As redes sociais enchéronse de novo de mensaxes de apoio unha vez que se coñeceu a súa denuncia. Tivo algún efecto negativo na súa vida? Cree que isto tería acontecido de non ter saído previamente á luz o caso de Harvey Weinstein ou as campañas como #metoo e #timesup?
Ao contrario, os apoios fixéronme forte, son moi importantes. Tamén saíron testemuños doutras mulleres en relación a outros casos e en relación ao meu houbo persoas que se atreveron a confesarme cousas que viviran co mesmo director. Foi moi positivo.
O que aconteceu en EEUU e Francia fixo que todo o mundo se indignase e sentise empatía, cando eu quixen denunciar a primeira vez non se falaba deste tema, uns meses despois si, e foi favorable no sentido de que xa non se vía como algo estraño.
8.
En Xapón, unha xornalista foi ameazada de morte por sumarse ao movemento #metoo, dende o seu punto de vistas, son útiles este tipo de campañas ou entrañan riscos dos que a sociedade non é consciente?
Non sabía dese caso, entristéceme, a verdade. Estas campañas penso que son útiles para concienciar a algunha xente e para apoiar ou acompañar a outra, pero non é ouro todo o que reluce e tamén se agocha moito falso activismo baixo estes lemas ou hastaghs.
O problema é que manifestar o que pensas en público pode ter consecuencias duras, como o caso que citas da xornalista xaponesa.
9.
Despois de que tantas actrices e tamén algúns actores falasen sobre situacións similares queda patente que hai un problema neste ámbito laboral. A que cre que se debe?
Creo que este problema existe en moitos sectores profesionais e penso que en xeral se debe ao sistema no que vivimos.
10.
Deberían existir máis normas, regulamentos etc. que protexesen as actrices e actores?
Coido que deberían existir protocolos antiacoso eficaces en todos os ámbitos laborais e sectores profesionais. O mundo actoral traballa con material sensible e si, penso que se debería protexer ao igual que se fai noutras industrias.
11.
Xa fora testemuña ou vítima de situacións similares en antigos postos de traballo?
Ambas cousas, pero de xeitos diferentes. Tamén na infancia e noutras etapas da vida vin e vivín situacións de acoso que por desgracia, moita xente da por normais. Aínda agora “ser baboso coas tías” non se considera punible por algunha xente, e iso fai moito dano.
Vin e vivín acoso laboral, psicolóxico e sexual(verbal e non verbal) no meu traballo coma actriz e noutros gremios. A música é un eido moi machista aínda.
12.
O silencio é un dos problemas á hora de loitar contra casos de acoso. Vítimas e testemuñas deciden non falar por medo, por vergoña, por non perder o traballo etc. É necesaria unha maior concienciación? Normalízanse este tipo de comportamentos dentro do mundo do espectáculo? Que fai falla para que isto deixe de suceder?
Penso que aínda queda camiño por andar, que se precisa dunha maior concienciación e introspección por parte de todo o mundo. Normalízanse estes comportamentos nos escenarios e nos bares... Na rúa algúns homes mexan en calquera esquina e logo ti vas e non podes dar peito ao teu fillo nun banco da alameda...
Fan falla moitas cousas, cambios nas persoas e no sistema... é algo amplo pero doado de levar a cabo cando se sabe por onde van os tiros, o que pasa é que ao capitalismo e ao patriarcado non lles interesa o feminismo, non o ven rendible.