Obxectivos
Este traballo ten como obxectivo analizar o coñecido como Caso Harvey Weinstein en relación coa forte repercusión que tivo nas redes sociais así como co tratamento da información realizado polos medios. Búscase ademais coñecer as diferenzas á hora de tratar historias relacionadas con violencia sexual en Italia e España.
A finalidade da investigación é, polo tanto, analizar o tratamento dado á información sobre o acoso, abusos, violacións etc. respecto ao caso Weinstein en Italia e España a través dos dous xornais xeralistas máis lidos en ambos países. Preténdese ademais identificar a linguaxe empregada para tratar o escándalo.
Á par, non se quere esquecer a singularidade deste caso en canto a repercusión que tivo na opinión pública, polo que poderíamos dicir que un obxectivo secundario deste traballo sería coñecer, ver a razón , de porque foi nese momento cando saen estes feitos á luz.
Como obxectivo final, reunindo estas dúas cuestións anteriormente mencionadas, búscase concluír se o papel que están desempeñando agora mesmo os mass media á hora de comunicar casos de violencia sexual contribúe na nosa sociedade a crear unha igualdade real de xénero ou se pola contra vai en detrimento da súa consecución.
Coa publicación na web, búscase ofrecer esta información a todos aqueles que a precisen ou que desexen coñecela ao tempo que se tenta, sempre dende unha perspectiva humilde e sendo consciente das limitacións que se presentan, destruír os prexuízos e mitos relacionados coas mulleres e a violencia sexual á hora de ler ou tratar a información relacionada con este tema.
​