O caso Weinstein
Harvey Weinstein, nado en 1952 en Flushing, New York, foi un dos produtores estadounidenses máis importantes. Fundou xunto co seu irmán, Bob Weinstein, dúas produtoras: Miramax e The Weinstein Company. Agora, o magnate podería rematar en prisión por delitos de abuso e acoso sexual, ademais de violación.
​
Harvey Weinstein e o seu irmán sempre se mostraron interesados no mundo da produción cinematográfica. Con outro amigo produciron varios concertos na década dos setenta e co diñeiro obtido fundan a súa primeira produtora: Miramax. Os primeiros proxectos da compañía, cun logo que fusiona os nomes do pai e da nai (Miriam e Max), foron filmes sobre concertos.
​
Os primeiros incidentes denunciados polas máis de 80 mulleres que acusan a Weinstein de abusos, acoso ou violación datan da década dos 80. Durante estes anos, Miramax comeza a realizar filmes indepententes que chaman a atención da crítica, pero que non obteñen grandes resultados comerciais. Foi entón cando a actriz Lysette Anthony foi presuntamente violada polo produtor, tal e como denunciou o 11 de outubro de 2017 á prensa, despois de que o escándalo saíse á luz.
​
Será máis tarde, ao comezo dos noventa cando o éxito chame a súa porta, sobre todo a partir da película Sex, lies and videotape (1989) de Steven Soderbergh. O éxito chega e os abusos continúan. A lista de vítimas segue medrando. Reunións en habitacións de hoteis que rematan sendo demasiado íntimas, tocamentos inapropiados, acosos reiterados, persecucións etc. O seu modus operandi máis común era invitar as súas vítimas a supostas festas ou reunións de índole profesional que nunca o eran. Unha vez a soas con elas comezaba a tortura: pedíalles masaxes ou obrigábaas a ver como se duchaba no mellor dos casos. Nos peores, o que principiaba como unha inocente cea de traballo remataba en abusos ou violación. Unha negativa por parte da vítima, ofrecer resistencia ou fuxir traducíase na perda da súa carreira profesional, como afirman Heather Graham e Daryl Hannah entre outras actrices. Weinstein dominaba Hollywood e todas e todos o sabían ou iso dan entender as informacións publicadas a raíz da saída á luz do escándalo.
​
O ex-produtor cometeu delitos sexuais impunemente durante máis de trinta anos. As vítimas, as testemuñas calaban. Tarantino afirma que el sabía o necesario como para facer máis do que fixo. E probablemente non foi o único. As poucas vítimas que tentaron falar foron silenciadas a través de acordos extraoficiais e ameazas. Ata o 5 de outubro de 2017.
​
Foi nesta data cando dúas reporteiras de The New York Times publicaron unha reportaxe na que incluían as testemuñas de varias actrices admitindo e denunciando os abusos. O traballo, firmado por Jodi Kantor e Megan Twohey, é o resultado de meses de investigación. As mulleres que se atreveron a falar neste primeiro momento foron Ashley Judd, Emily Nestor e unha ex-asistente que non quere revelar o seu nome. Ademais menciónanse casos de outras mulleres que foron silenciados mediante acordos extraoficiais. Na reportaxe recóllense máis de oito situacións vexatorias.
​
Cinco días despois Ronan Farrow publica unha nova reportaxe en The New Yorker. Farrow fala xa de violación. O traballo é resultado tamén dun longo período de investigación. Foi só nos últimos momentos cando o xornalista coñeceu que as súas compañeiras de The New York Times estaban traballando na mesma historia. O texto que aparece en The New Yorker conta coas testemuñas de trece mulleres que afirman que Weinstein as acosou ou abusou delas. Entre elas, Asia Argento, Lucia Evans (coñecida anteriormente como Lucia Stoller) e unha terceira falan de violación. Farrow detalla na publicación as situacións sufridas por estas trece mulleres. Este traballo, ademais da relevancia que ten pola información desvelada, é visto por algúns xornalistas como unha vinganza persoal de Farrow xa que o produtor axudara ao seu pai adoptivo, Woody Allen, a relanzar a súa carreira despois de que a súa irmá o acusara de abusos (Llanos Martínez, 2017).
​
As dúas reportaxes tiveron unha gran repercusión mediática a nivel internacional: a primeira, por sacar a luz os abusos; a segunda, pola cantidade de testemuñas e porque fala por primeira vez das violacións cometidas polo produtor. Moitas actrices, actores e personalidades compartiron dende ese momento o seu apoio e a repulsa aos delitos. Pero moitos recoñeceron tamén que podían ter feito máis do que fixeron, que era un segredo a voces e que ninguén se atreveu a plantarlle cara ao magnate. Por que fixeron falla máis de trinta anos para frear a este depredador sexual?