O movemento #metoo e as redes sociais
O caso de Harvey Weinstein colleu á nosa sociedade por sorpresa. Se ben existiu no pasado algunha denuncia, ningunha transcendeu ao foco público e Weinstein era considerado un importante produtor de reputación indiscutible. Nas redes sociais a resposta foi inmensa. A través de hashtags como #metoo, #yotambién, #cuéntalo ou #timesup miles de mulleres compartiron as súas historias e experiencias que moitas delas calaran ata o momento.
De todas as etiquetas empregadas a primeira en empregarse en relación con este caso e, probablemente a que tivo máis éxito, foi #metoo (eu tamén). Este hashtag foi popularizado pola actriz italiana Alyssa Milano quen animou nun tweet a todas as mulleres que sufriran calquera tipo de acoso ou violencia sexual a contalo nas redes co obxectivo de que a sociedade se dese conta da magnitude real deste problema. A etiqueta tivo moitísimo éxito xa dende o primeiro momento e foi empregada tamén por moitas actrices e celebridades. Nalgúns casos mesmo algúns homes se atreveron a falar de experiencias sufridas. Non obstante, Alyssa Milano non foi a primeira en empregar #metoo para denunciar violencia sexual. Foi a activista Tarana Burke a creadora desta etiqueta no ano 2006. Despois de que unha nena lle contara que sufrira unha agresión e quedarse en silencio por non saber que responderlle, Burke reflexionou e chegou á conclusión de que o que realmente lle gustaría ter contestado á nena era “me too”, que significa literalmente “eu tamén”. A activista empregou a etiqueta dentro dunha campaña que levou a cabo na rede social MySpace en 2006.
A campaña que iniciou Alyssa Milano en 2017 tivo enormes repercusións. Serviu para que a sociedade se dese conta da magnitude real deste problema. Creáronse movementos similares como #cuéntalo ou #yotambién. Para Virginie Despentes (García Miranda, 2018), autora do coñecido libro Teoría King Kong [1] e outras pensadoras hai un antes e un despois do movemento #metoo.
Baixo o nome #timesup xorde un movemento consecuencia deste. Time’s Up significa literalmente “o tempo rematou”. En outubro de 2017, un colectivo de actrices que levaba este nome comezaron a reunirse. O obxectivo deste grupo era a loita contra o acoso sexual. O un de xaneiro de 2018 anunciouse a creación dun fondo en Hollywood para axudar a mulleres de calquera estrato social contra a violencia sexual.
O discurso de Oprah Winfrey na entrega dos Globos de Ouro ou o feito de que a práctica totalidade das mulleres acudisen vestidas de negro, seguindo a convocatoria de Time’s Up, son claros síntomas do triunfo destes movementos. Porén non todo foi positivo. Este é o caso da xornalista freelance xaponesa Shiori Ito. En contraposición coa solidariedade que espertaron estes casos noutros países, Ito foi sometida a toda clase de escarnios e duras críticas. Tras contar como fora violada polo influente xornalista xaponés Noriyuki Yamaguchi, Shiori Ito recibiu insultos e ameazas ata o punto de non poder regresar ao seu apartamento durante un período de tres meses. Durante a súa primeira comparecencia, levaba o último botón desabrochado o que foi considerado por algúns usuarios das redes sociais como feito suficiente para restarlle credibilidade ou xustificar a violación e incluso algúns deles chegaroon a cuestionar a súa nacionalidade xa que “unha verdadeira xaponesa non falaría de cousas tan vergonzosas”, tal e como se informou na web da canle de televisión LaSexta (2018). Por outra banda, a actriz italiana Asia Argento afirmou terse sentido acosada no seu propio país despois de ter denunciado a violación que sufriu a mans de Weinstein (Melguizo, 2017).
​
Outra repercusión negativa, aínda que de menos gravidade, foi a aparición de etiquetas como #notme ou #notallmen que foron empregadas por homes para expresar o seu desacordo co movemento ou para subliñar que non todo o xénero masculino se comportaba como Weinstein. O problema deste tipo de hashtags é que dividen a sociedade, creando confrontación onde non a hai. As etiquetas como #metoo non son unha ofensa cara todos os homes senón unha protesta contra acosos, abusos e agresións cometidos por homes puntuais, en ningún caso buscaban facer unha referencia a todos os homes. Juana Gallego Ayala (2018) (Anexo I, páxina...) fala de que nun momento no que as mulleres cada vez temos máis acceso a postos e ambientes ata o de agora reservados exclusivamente aos homes, moitos deles se senten ameazados ou cando menos incómodos nesta nova situación. As mulleres reclaman o sitio que lles pertence por dereito pero moitos homes foron educados pensando que só lles correspondía a eles e por este motivo reaccionan tan violentamente contra os movementos que defenden os dereitos das mulleres. Segundo a experta en xénero e comunicación este é o principal motivo da creación deste tipo de etiquetas ou do emprego de termos despreciativos como feminazis ou similares.