top of page

Introdución

En outubro de 2017 saen á luz unha serie de casos de violencia sexual en Hollywood que van dende o acoso ata a violación. O acusado, Harvey Weinstein, era até o momento, un dos produtores máis poderosos do mundo do cinema. Coa súa primeira compañía Miramax e posteriormente con The Weinstein Company produciu éxitos como Pulp Fiction. Casado e con cinco fillos, estaba a vivir un momento dourado na súa carreira.

O 5 de outubro de 2017, o New York Times publica unha reportaxe na que varias actrices acusan ao magnate de abusos. O 10 de outubro, Ronan Farrow saca as testemuñas de outras 13 mulleres denunciando abusos nunha reportaxe para The New Yorker. Esta segunda publicación inclúe xa a palabra violación. Son estes dous medios os primeiros en destapar o acoso, abusos e violacións cometidos por Weinstein ao longo de varias décadas.

 

Unha vaga de solidariedade invade as redes sociais. Miles de mulleres e nalgúns casos, tamén homes, comparten en Twitter, Instagram e Facebook as súas historias a través de etiquetas como #metoo e #timesup. A repercusión que tivo este caso non se pode nin comparar coa que tiveron casos anteriores similares. Casos de presuntas agresións ou incluso violacións como os de Nick Carter, Ryan Seacrest, James Franco ou incluso Woody Allen saíron nos medios e desapareceron ao pouco tempo do foco mediático. A magnitude do caso Weinstein é maior a de todos eles en canto a número de vítimas pero aínda así, isto só non é xustificación. Por que tivo tanta relevancia este caso en redes e medios e non os anteriores?

O feito de que a sociedade se interesara tanto polo escándalo e as vítimas ten a súa parte positiva pero tamén negativa. Canto máis se fala de algo, máis doado é que aparezan opinións e comportamentos de todo tipo e este caso non ía ser unha excepción. Aparte das mensaxes de apoio, solidariedade coas vítimas e repulsa ás agresións non faltaron as recriminacións ás vítimas e ás persoas que saíron no seu apoio ou defensa.

 

Os medios pola súa parte, crearon e reflexaron esta difusión xeralizada que estaba tendo lugar. Porén, pese ao ambiente crítico e feminista que caracterizou a difusión das noticias do caso Weinstein, non podemos esquecer que estamos a vivir nunha sociedade que se rexe por un modelo cisheteropatriarcal e que isto remata por influír todos e cada un dos aspectos da nosa vida. Nin sequera os medios escapan desta influencia. O uso de eufemismos, evitar empregar termos como violación substituíndoos por outros máis suaves, tender a xustificar ao agresor e culpabilizar a vítima son só algúns dos síntomas que manifestan algúns medios á hora de tratar os delitos cometidos presuntamente polo produtor estadounidense.

bottom of page