top of page

Conclusións

O escándalo Weinstein foi tratado de xeito similar nos dous medios analizados: El País e Corriere della Sera. Publícase un maior volume de noticias cando sae o escándalo e a continuación, conforme vai pasando o tempo, este número vai diminuíndo. No caso español publícanse máis noticias informativas que no caso italiano porén, a cobertura de Corriere della Sera é máis completa en relación ás testemuñas xa que inclúe cartas dalgunha vítima, entrevistas a familiares e persoas relacionadas etc. En canto a opinión, en El País, dáselle voz a xornalistas e escritores que tenden á defensa das vítimas mentre no Corriere della Sera aparecen tamén artigos algo ambiguos en relación a isto.

En ambos os dous casos, a maior parte das noticias arquívanse en seccións como sociedade, espectáculos, cultura e similares, seccións adicadas normalmente a noticias dun carácter máis frívolo. Este feito xunto coas etiquetas empregadas no caso de El País, fan que as noticias aparezan nun contexto máis informal do que terían de ser publicadas noutro tipo de seccións como sucesos ou internacional. Este tipo de clasificación fai que non sexa necesario tratar a información dun xeito tan rigoroso como se estivesen clasificadas nun apartado máis relacionado co ámbito legal e, polo tanto, a linguaxe empregada non busca sempre ser a máis exacta.

 

Analizando a linguaxe obsérvase que no xornal italiano se empregan moitos máis termos da categoría vermella que no xornal español. De feito no Corriere della Sera, os termos pertencentes a esta categoría son os máis abundantes. Este feito por si só non se pode ver como un síntoma dunha maior transparencia no caso italiano xa que, como se menciona anteriormente, na categoría vermella en lingua italiana hai catro familias léxicas mentres que en castelán só unha.

 

Cunha análise tan reducida en tempo e medios non se pode concluír se o tratamento da información que se realizou deste caso contribúe á consecución dunha igualdade de xénero real ou pola contra a manter prexuízos e estereotipos. Porén pódese afirmar que nas noticias analizadas non se observan tendencias anteriores como a xustificación das agresións debido ao lugar, hora, situación, vestimenta da vítima etc nin a culpabilizar á agredida e a defender o agresor.

 

Tendo en conta as seccións nas que se inclúen as noticias, as etiquetas empregadas etc pódese afirmar que un dos motivos polos que o caso Weinstein tivo tanta repercusión nos medios e redes sociais é a popularidade das vítimas e do agresor así como o mundo no que se moven. O gran número de vítimas (93 acusan ao produtor de acoso ou abusos e 14 de violación) contribuiu tamén á maior difusión da noticia. Por outra banda, o emprego dos hashtags como #metoo e toda a actividade levada a cabo en redes sociais por parte das vítimas, personalidades e activistas trasladouse ao público xeral das mesmas o que fixo que a información se viralizase e permanecese no foco mediático máis tempo do que era esperable.

 

O feito de que o escándalo tardase tanto en saír á luz foi determinado por un lado por aspectos comúns a todos os casos de violencia sexual e por outro por características propias da situación particular. As vítimas de abusos, acoso ou calquera tipo de agresión sexual tenden a gardar silencio por vergoña e por medo ás repercusións pero tamén porque temen non ser cridas. Neste caso a situación agrávase a demais pola forte desigualdade de poder entre vítima e agresor, non só debida á sociedade cisheteropatriarcal que ten de fondo senón polo posto de traballo de Weinstein e a facilidade que tiña para decidir o futuro da carreira das actrices. Aquí entran tamén as conclusións extraídas do experimento do espectador apático de John Darley e Bibb Latané: a difusión da responsabilidade e a ignorancia pluralista. Existe unha clara difusión da responsabilidade no caso Weinstein xa que eran rumores de pasillo que moitos coñecían ou sospeitaban. A ignorancia pluralista, o feito de que como ninguén actúa os individuos tenden a pensar que a gravidade é menor e polo tanto tampouco o fan eles, agrávase neste caso debido ao modelo patriarcal no que vivimos que segue a considerar o xénero feminino inferior ao masculino e certas actitudes de acoso e abuso por parte dos homes cara ás mulleres como algo normal.

 

Concluíndo, no caso Weinstein o papel dos medios foi de vital importancia. O paso que deron vítimas e testemuñas foi imprescindible pero sen a labor dos mass media que visibilizaron o acontecido, a vaga de denuncias e de solidariedade probablemente non terían acontecido. Tamén é certo que o momento social que estabamos a vivir propiciou que a acollida da información por parte da opinión pública fose favorable ás vítimas e que esta tivese unha forte repercusión en redes sociais. Os hashtags empregados foron clave no desenvolvemento do caso xa que deron a forza necesaria ás agredidas e acosadas para falar por fin e, coa magnitude alcanzada, marcaron un antes e un despois na maneira en que a sociedade ve os casos de violencia sexual. Sempre hai casos illados pero agora, máis persoas ven culpabilidade no agresor e inocencia na vítima sen necesidade dun xuício mediático previo.

bottom of page