top of page

Metodoloxía

En outubro de 2017 saen á luz unha serie de casos de violencia sexual en Hollywood que van dende o acoso ata a violación. O acusado, Harvey Weinstein, era até o momento, un dos produtores máis poderosos do mundo do cinema. Coa súa primeira compañía Miramax e posteriormente con The Weinstein Company produciu éxitos como Pulp Fiction. Casado e con cinco fillos, estaba a vivir un momento dourado na súa carreira.

Este traballo realizouse a partires de métodos cualitativos e métodos cuantitativos. 
A través da lectura de bibliografía e investigacións xa existentes ademais do análise detallado das noticias publicadas por dous xornais diferentes, un italiano e un español, tentaremos determinar en que grao os medios de comunicación axudan ou dificultan a consecución dunha igualdade de xénero real. 


Como fontes bibliográficas empregaranse novas publicadas en xornais europeos e estadounidenses durante os meses de outubro, novembro e decembro, libros especializados e investigacións xa existentes. Ademais, teranse tamén en conta os contidos publicados a través dos hashtags #metoo e #timesup en redes sociais, concretamente en Twitter e Instagram, xa que son as dúas redes que máis clasifican e ordenan contidos a través de etiquetas. 


Co obxectivo de conseguir un mellor achegamento ao tema, realizaranse tamén entrevistas a persoas que por motivos ben profesionais ou ben persoais aporten e axuden a esclarecer os acontecementos aquí tratados. 

Para a análise empregarase unha ficha realizada a partires da bibliografía e das entrevistas realizadas. Estudaranse as noticias publicadas dende o 5 de outubro ata o 31 de decembro na versión online dos xornais El País e Corriere della Sera. A elección dos xornais realizouse tendo en conta que foron os diarios máis lidos nos seus correspondentes países, España e en Italia no ano 2016 (ano anterior ao comezo do estudo). 


Os países estudados foron elixidos por dous motivos. O primeiro é a importancia individual de cada un deles: Italia resultou un país clave no desenvolvemento da noticia xa que foi Asia Argento, actriz italiana, unha das primeiras en alzar a voz e publicar na súa conta de Twitter persoal unha listaxe completa de vítimas. Por outra banda, España é o país no que se realiza o estudo polo que ten sentido incluílo. Ademais desta importancia individual de cada un dos países, existe outro motivo que fai moi interesante a análise e é as similitudes entre ambos países. Son dous estados con cultura e historia similar, cunha situación política que non é moi diferente e, socialmente, en teoría, parecidos, o que fai que constitúan dous individuos para estudo practicamente perfectos. 
 

O período que abarca este estudo comeza o día que sae á luz a primeira nova relacionada con este escándalo: a reportaxe publicada polo New York Times o día 5 de outubro de 2017. Decidiuse tomar como data de fin o 31 de decembro do mesmo ano, estudando así un período aproximadamente de tres meses o que permite ver como sae a noticia na prensa estadounidense e vai chegando a España e Italia onde nun primeiro momento non ten moita relevancia e tamén como pouco a pouco a historia vai tomando importancia. Ademais, é durante este período cando outras actrices e mulleres comezan a denunciar e contar as súas vivencias persoais. 
 

As noticias que entraron na análise son aquelas que aparecen etiquetadas polo propio xornal co nome do produtor. Dentro destas desbotáronse aquelas que pertencen a opinión (aínda que si foron empregadas como documentación a maiores, non foron analizadas e non entran dentro do cómputo final realizado) e tamén aquelas que pese a estar etiquetadas só mencionaban o caso Weinstein como similar ou de refilón (menos dun terzo da noticia dedicado a este tema) e tamén aquelas nas que non sexa nin o suxeito da noticia (noticias sobre o caso en cuestión) nin unha causa ou consecuencia do mesmo senón algo relacionado (noticia nas que se fala de antecedentes do caso para explicalo ou das consecuencias que está tendo).
 

En conclusión, as noticias analizadas compren todos estes requisitos:


-Estar publicadas entre o 5 de outubro de 2017 e o 31 de decembro. 
-Estar publicadas en El País  ou no Corriere della Sera.
-Estar gardadas dentro da etiqueta “Harvey Weinstein”.
-Pertencer a calquera sección do xornal exceptuando opinión, editoriais, columnas ou calquera outro apartado no que se conte coa perspectiva subxectiva do xornalista.
-Tratar o escándalo de Harvey Weinstein como tema principal ou ben como causa ou ben como consecuencia deste.

 

Se ben nun principio se pensou facer a análise das noticias publicadas na versión impresa, esta idea foi desbotada posteriormente debido a que deste xeito a relación entre as noticias e as interaccións en redes sociais non se poderían ter en conta. Ademais, limitando o estudo aos medios dixitais facilítase a exposición das noticias na páxina web creada para a difusión deste traballo.
 

Este traballo de investigación publícase nunha páxina web creada especificamente con esta finalidade. O obxectivo desta páxina é permitir a outros investigadores, lectores e público en xeral datos relacionados co caso Weinstein que non sempre foron correctamente tratados nos medios xeneralistas máis difundidos. Deste xeito, e sempre dende unha posición humilde, a finalidade deste traballo e destruír prexuízos e mitos á hora de ler ou tratar información relacionada coa violencia sexual contra as mulleres. 
 

Para a análise das noticias creouse unha ficha modelo co fin de estudar unha serie de parámetros como o número de veces que se repetían palabras clave, a intencionalidade dos titulares ou o xénero do xornalista. A ficha é a mesma para as noticias publicadas en Italia e para as publicadas en España. 


Para o estudo de palabras clave establecéronse as seguintes categorías tendo en conta a gravidade:


1.    Categoría vermella
Palabras que pertencen a familia léxica do termo “violar” en castelán. Palabras que pertencen ás familias léxicas dos termos “stuprare”, “violentare”, “violazione” ou “ violenza”. 


2.    Categoría laranxa
Palabras que pertencen á familia léxica do termo “agresión” (nos casos nos que se refira a agresión sexual) en castelán e palabras que pertenzan á familia léxica do termo “agressione” en italiano (sempre nos casos que nos que se fale de agresión sexual).


3.    Categoría amarela
Palabras que pertenzan á familia léxica do termo “abusar” (nos casos nos que se refira a abuso sexual) en castelán e palabras que pertenzan á familia léxica do termo “abussare” en italiano (sempre nos casos nos que se fale de abuso sexual). 


4.    Categoría verde
Palabras que forman parte da familia léxica de “acosar” (nos casos nos que se refira a acoso sexual) en castelán e palabras que pertenzan á familia léxica do termo “molestare” en italiano (sempre nos casos nos que se fale de acoso sexual)


5.    Categoría branca
Palabras ou perífrases que fagan referencias a relacións sexuais non consentidas ou forzadas, comportamentos sexuais inadecuados etc. sen empregar ningún dos termos recollidos nas categorías anteriores. 

 

A finalidade é ver con que frecuencia se empregan palabras como violación ou sinónimos en comparación con termos máis suaves como abusos ou agresións e ver se deste xeito se tenta restar importancia aos delitos cometidos por Weinstein.

bottom of page